mércores, 30 de decembro de 2015

Reseña e estrea serie Cazadores de Sombras

Xa fai tempo que vos informei da noticia de que os libros da saga Cazadores de Sombras, de Cassandra Clare, ían ser levados á televisión en forma de serie. Pois infórmovos de que xa rodaron a primeira temporada e de que xa temos data de estrea!!!! 

Pola miña parte, estou moi contenta coa elección dos personaxes e con que se faga esta serie porque a saga de Cazadores de Sombras, como xa saberedes, é bastante larga e merece que se conten todos os pequenos detalles de cada libro, e non resumilos o mellor posible e facer unha peli, que neste caso se estreou no 2013 e que supuxo un auténtico fracaso. 

Antes de contarvos todo sobre a serie vouvos refrescar a memoria cunha pequena reseña do primeiro libro: Ciudad de hueso.



Este libro narra a historia dunha rapariga de case 16 anos chamada Clary Fray que se mete, sin querer (posto que presenza un asasinato que ningún mundano debería haber visto), nun mundo no que os seres fantásticos dos contos e lendas cobran vida, como poden ser os demos, os lobishomes, as fadas ou os vampiros. Estes son chamados Subterráneos, seres inexistentes para o ollo humano, que están protexidos polos Nephilims, unha raza de humanos moi poderosos creada polo Ánxel Raziel para evitar que os demos controlen e destrúan o mundo. 

O asasinato que presenza Clary no club Pandemonium non é máis ca a morte dun demo a mans de tres nephilims, os cales se cobren da vista humana mediante runas marcadas na súa pel cunha estela. As runas son a principal característica dos cazadores de sombras e que se utilizan para obter extraordinarios poderes como pode ser a forza, a axilidade, a capacidade de entender e falar todas as linguas do mundo ou a invisibilidade. Para os que queirades saber máis sobre as runas que saibades que hai un libro dedicado especial e unicamente a todas as runas que existen no mundo dos cazadores de sombras. Recomendo lelo, en serio! Unha gran obra de inxenio creativo por parte de Cassandra! 

Ao día seguinte, Clary asiste co seu mellor amigo Simon, a un bar para asistir a un espectáculo dun amigo deles e alí, mirando pola ventá morta de aburrimento de tanto escoitar ao seu amigo recitar poesía (se é que se lle pode chamar poesía; nesta parte rinme moito! xa solo polo desastre de poema que compuxo o chaval deberiades ler o libro), ve pola ventá a un dos asasinos da noite anterior. Fóra esíxelle ao rapaz unha serie de respostas pero ante a súa negativa e unha chamada de emerxencia de súa nai, marcha correndo para a súa casa en rescate de súa nai. Alí atoparase coa casa patas arriba e, o que é peor, un demo rapiñador, o cal consegue matalo case de todo ata que aparece Jace, o nephilim "asasino", en escena e o remata. Clary tivo a mala sorte de que o demo rapiñador a envelenase así que Jace non ten máis remedio que marcarlle a Clary unha runa anxelical no pulso para que sobreviva, correndo o risco de que ela puidese morrer posto que solo os verdadeiros nephilims poden gravarse runas no corpo. Jace tiña a intuición de que a rapariga de cabelo rizo cor vermello e pel pálida como unha boneca, era especial e por iso o intentou. 

Como xa imaxinaredes, Clary sobrevive e descubre que é metade anxo metade humana e que súa nai lle ocultou a verdade sobre seu pai e sobre os seus poderes. A partir de aquí, emprenderá unha longa aventura chea de perigo, de aprendizaxe, de emoción, de amor, de tristeza e de novos amigos. 

Xa vos digo de antemán que é un libro bastante largo e moi, moi detallado pero que realmente engancha ata terminalo. Así que espero que vos animedes a lelo para descubrir que lle pasa a Clary despois de ser rescatada por Jace! 


En canto a serie o primeiro de todo é amosarvos aos actores que darán vida aos protas da saga Cazadores de Sombras:


Non puideron elixir mellooooor a Alec!! Encántame!

A primeira temporada da serie consta de 15 capítulos e vai ser estreada o día... 12 DE XANEIRO!! 
Queda moi pouco, nephilims!!! Pronto saberemos se estamos ante unha serie prometedora, que posiblemente si, porque despois do chasco que se levou ca peli os produtores suaron para poder facer todo o mellor posible para agradar aos fans. 

Antes de rematar, quero contarvos que algúns actores se atreveron a facerse unha tatuaxe en honor a serie!! Máis bonito, imposible! Por exemplo, Kat fixo unha runa anxelical moi pequeniña no pé, arriba do talón e quédalle moi ben! Tamén se atreveron coa mesma tatuaxe, só varía o tamaño, Dominic/Jace, Alan/Valentine, Jon/Hodge e Maximin/ Jocelyn. O resto do elenco dis que aínda o está pensando, así que pronto saberemos quen máis se atreveu a gravar permanentemente na súa pel un chisco do mundo dos cazadores de sombras. 

Espero con moitas ganas o primeiro capítulo da temporada e recoméndolle agora falando en serio  a quen non leu o libro ou a saga enteira, que o faga xa de xa. Porque é xusto e necesario.

Con isto despídome, queridos lectores. Espero que teñades un bo remate de ano e un moi feliz aninovo!!! 

Saúdos! 

Ningún comentario:

Publicar un comentario