sábado, 29 de agosto de 2015

Reseña: "Harry Potter e a pedra filosofal" de J.K. Rowling

"A primeira aventura do máis famoso aprendiz de meigo, un libro cheo de aventuras extraordinarias que xa atrapou a millóns de nenas e nenos de todo o mundo.

Harry Potter quedou orfo no momento mesmo do seu nacemento e vive cuns tíos e un curmán que non o tratan demasiado ben. Pero un día chégalle unha carta na que se lle anuncia o seu ingreso en Hogwarts, unha especialísima escola de maxia e artes secretas. A partir dese momento todo cambia na vida de Harry, que vivirá grandes aventuras en compañía dos seus amigos Hermione e Ron Weasley."
Boas, queridos lectores! 

Hoxe chega a vosa pantalla o primeiro libro dunha colección épica, chega Harry Potter e a pedra filosofal!!!!! 

Harry Potter era un rapaz que a idade dun ano queda orfo e acaba vivindo con seus tios, Vernon e Petunia Dursley, e o seu curmán, Dudley Dursley, porque son a única familia que lle queda desgraciadamente. Trátano fatal, ten que vivir na lacena debaixo da escaleira nun cocho, ten que utilizar a roupa vella do seu curmán (hai que ter en conta que é o triple ca el e entón a roupa quédalle moi grande) e ten que soportar os constantes maltratos ao que o someten. Un auténtico inferno.

Un día de xullo chégalle a Harry unha carta, a el que case nunca recibía correspondencia por non dicir nunca, pero antes de que puidera abrila e descubrir quen se dirixía a el e para que, o seu tio arrebátalla. A cousa non acaba aí, senón que esa semana recibe todos os días cartas dese misterioso remitente. Estas chegan a súa casa a través de curuxas. O seu tio Vernon farto de ter que aturar iso decide mudarse a unha caseta ao lado do mar á que só poden acceder a través dunha barquiña. 

Era un luns o día que chegaron a esa caseta e ao día seguinte Harry cumpría 11 anos. El atopábase contando os minutos e segundos que quedaban para as 12 da noite, para ter xa 11 anos. Xusto cando ve que o reloxo do seu curmán marca as 12 escóitase un ruido procedente de fóra. Estaban chamando a porta.

A morada é invadida por un home enorme, tan grande que parecía un xigante de feito é un semixigante, que parece coñecer a Harry. O seu nome é Rubeus Hagrid e di que é o Gardián das Chaves e Terreos de Hogwarts. Pero Harry descoñece que é Hogwarts e así Hagrid ábrelle os ollos e dille que é un meigo e que seus pais tamén o eran. Tamén coñece a verdadeira historia de como os seus pais morreron. Un home que se facía chamar Lord Voldemort, aínda que a maioría temía o seu nome e lle chamaba O-que-non-debe-ser-nomeado ou Quen-ti-xa-sabes, matou a seus pais e tamén intentou matar a Harry. Pero, non se sabe por que, Harry sobreviviu ao ataque e Voldemort perdeu o seu poder e a única marca que lle quedou dese enfrontamento ao rapaz foi unha cicatriz con forma de raio que ten na fronte.

E así, coa axuda de Hagrid, el vai coñecendo máis sobre o mundo máxico ao que pertence e decátase de que todo o mundo o coñece, de que é famoso. 

Xa é 1 de setembro e Harry Potter ten que coller un tren dende King's Cross, a estación de Londres, que o levará a Hogwarts, a escola de maxia á que tamén asistiron seus pais. Entón atravensando a parede entre os andéns 9 e 10, chega ao andén 9 e tres cuartos onde se atopa o Hogwarts Express que o levará ata a súa nova aventura.

Hogwarts é unha escola fundada por catro meigos con poderes espectaculares coa misión de transmitirlle os seus coñecementos ao resto de meigos do mundo. Está dividida en catro casas, cada unha leva o apelido do seu fundador: Salazar Slytherin, Helga Hufflepuff, Rowena Ravenclaw e Godric Gryffindor. En Slytherin danlle importancia a ambición e a astucia, en Hufflepuff o traballo duro e a tolerancia, en Ravenclaw a intelixencia e a creatividade e en Gryffindor a valentía e a coraxe. Quen elixe a que casa pertencen os novos alumnos é o Sombreiro Seleccionador que xulga as cualidades de cada estudante.

Harry escoita pestes da casa de Slytherin, así que temendo que acabe aí pídelle ao Sombreiro que por favor non o poña nesa casa e a pesar de que este cría que encaixaría moi ben alí ao final decide mandalo a Gryffindor.

Nesta casa coñecerá aos seus mellores amigos, Hermione Granger e Ron Weasley, cos que vivirá un montón de aventuras. Aínda así non é todo cor de rosas, non todo o mundo adora a Harry Potter, senón que tamén gañará inimigos durante o seu primeiro ano e correrá graves peligros como enfrontarse ao mesmo Voldemort

Altamente recomendable, por non dicir lectura obrigatoria para todos aqueles que estades lendo isto. En serio, xenial, quen non querería que ao cumprir os 11 anos lle chegara a súa carta de Hogwarts? Quen non quere ir no Hogwarts Express? Quen non quere ir a Ollivanders e comprar unha varita? Quen non quere ter un director coma Dumbledore? Que sepades que adoro a Dumbledore porriba de todo, dame igual o que fixera, é o meu personaxe favorito de todos os tempos. 

Harry Potter é unha lectura que che fai desexar vivir nese mundo máxico no que el vive, non importa os perigos que eso conleve, é mellor ca ser unha simple muggle, (xente non máxica). 

Xa sabes, se queres vivir aventuras de verdade e adorarías ser un meigo, estes son os teus libros e este só é o comezo dunha historia excepcional.

Por certo, se xa lichedes todos os libros e viches todas as películas e queres máis de Harry Potter entra en Pottermore, é unha páxina na que te podes rexistrar e facerte un alumno máis de Hogwarts: tes que comprar unha varita, libros, podes ter unha mascota e asígnanche unha casa. Entón podes gañar puntos para esa casa a través de facer pocións e o club de duelo, onde combates contra outros xogadores. Tamén gañas puntos seguindo a historia de Harry Potter atopando obxectos. Ademais de que contén un montón de información extra sobre o mundo máxico e ata podes ler o Profeta, o periódico máis famoso entre os meigos! Merece a pena e se eres un Potterhead coma min, agradécese moito.

Non hai máis que dicir... 

 Ata outra!

1 comentario:

  1. HOLA!! TE NOMINE A UN PREMIO VISITA MI BLOG http://mylifebetweenbookss.blogspot.cl/

    ResponderEliminar